É o ano 1589. O Imperio Español, con Felipe II, encabeza unha hexemonía mundial sen precedentes, pero un gran poder tamén trae inimigos perigosos. Isabel de Inglaterra, que mantiña unha especial rivalidade co monarca español, destruíra o ano anterior a Armada Invencible no Canal da Mancha.
Aproveitando a humillación española, envía unha enorme frota liderada polo temido corsario Francis Drake cara ás costas españolas, coñecida como a Invencible Inglesa ou a Contra Armada… Serás capaz de defender A Coruña do asedio invasor?
Coa nosa aplicación percorrerás as localizacións máis emblemáticas da cidade comezando desde a Praza de María Pita, heroína protagonista desta historia, atravesando as ruelas da Cidade Vella para rematar de novo no Barrio da Pescadería.
Un paseo cheo de curiosidades no que che contamos algunhas das localizacións reais onde tivo lugar esta exemplar vitoria, moitas veces eclipsada na historia pola derrota da Armada Invencible… Sabías que a vitoria inglesa se debeu en realidade a unha tormenta que arrasou coa frota española? O certo é que eles souberon vender mellor a historia nos libros.